2011-09-12

As ratas abandoan o barco, (ou as fumigan)...


Os "caídos" pola "caixa"!...

NCG redúcese a sexta parte

Reproducimos un novo artigo de José Antonio Pena Bairoa, publicado na edición dixital de Xornal.com, moi clarificador e descriptivo da situación de Nava Caixa Galicia e as xondicións nas que se vai transformar en banco, (NCG Bank), da man de José María Castellanos e o seu relativo fracaso a hora de captar capitais privados.

No
vacaixagalicia terá unha vida efémera como a única e última caixa de aforros galega. De novembro de 2010 a setembro de 2011. Nin un ano de vida. A decidida vontade de MAFO e Zapatero, co dobre obxectivo de ceder á banca os depósitos de clientes e restar as competencias financeiras ás comunidades autónomas, unido a unha deficiente xestión do negocio, cuxas responsabilidades haberá que depurar unha vez resolto o proceso de mutación a banco, terminan cunha longa historia que se remonta ao 8 de xuño de 1876, data de constitución da “Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña”. Polo camiño tamén desapareceron as de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Santiago.

Pero o peor é que nos quedamos sen os 46.666 millóns de euros en depósitos de clientes, o verdadeiro tesouro que contén o pasivo da caixa, a cambio de case nada. Si a finais de 2009 o agregado dos recursos propios das dúas caixas galegas sumaba 3.130 millóns de euros, un ano despois reducíase a só 1.600, a diferenza, segundo informan os auditores da nova caixa na súa memoria de 2010, implica unha redución no patrimonio neto de 1.872 millóns de euros. Fundamentalmente por deterioros do investimento crediticio e, como non, nos activos inmobiliarios.

Cando debemos valorar un negocio, unha empresa, recorremos a elementos cuantitativos e cualitativos. Os primeiros obtéñense do balance e a conta de resultados ou a proxección de ingresos e gastos. Pero deben considerarse os elementos cualitativos, como a clientela, penetración no mercado, etc. Si algún banco pretendese adquirir a entidade líder do mercado financeiro galego, cun volume de negocio duns 120.000 millóns de euros, por comparación, debería ofertar unha cantidade sensiblemente superior aos máis de 1.700 millóns de capitalización de Bankinter, cun volume financeiro moi inferior ao de NCG.

A única razón dun prezo máis baixo sería a existencia de deterioros de tal magnitude que anulasen os recursos propios da caixa e que implicasen que tan só se valoraron os aspectos cualitativos.

En en caso de NCG parece que o Banco de España, sobre a cifra de recursos propios actuais da caixa, aplicará un desconto que podería superar o 70% sobre o seu valor en libros, no momento da cesión do seu negocio financeiro para constituír o banco ao que as directrices deste Goberno e do Banco de España obrigaron. Dita rebaixa probablemente reduza ese valor a uns 500 millóns de euros, polo que a caixa non tería unha participación no novo banco superior ao 16%. É dicir, de máis de 3.000 millóns de valoración en 2009 a só 500, a sexta parte. En resumo, cada euro aportados polo FROB valerá seis veces máis que os acumulados nos recursos propios de NCG desde 1876. Así calquera fai negocios, ou quizais sexa que hai moitos xeitos de ser estafados.