2011-01-21

Un artigo de Pena Beiroa

Reproducimos hoxe un moi interesante artigo do economista José Antonio Pena Beiroa publicado en Xornal.
Tras 160 anos de historia, foi en 2003 cando as caixas de aforro superaron á banca en investimento crediticio, o que xa lograran cos depósitos dez anos antes. Un trauma para os bancos, pois se demostraba o exitoso modelo de negocio que representaban as caixas, máis próximas aos clientes e os seus territorios.

Pero o éxito conseguido pronto voltouse na súa contra. Por unha banda, uns directivos endiosados que se creron os donos das entidades, cunhas estratexias de crecemento que as afastaba dos seus mercados de orixe, asumindo unha excesiva concentración de riscos en ­sectores que resultaron problemáticos e xogando á banca de investimento, afastándose do modelo de negocio tradicional. Daqueles pos viñeron estes lodos...


Doutra banda, unha banca co liderado perdido e desexando recuperar a súa primacía. Para iso, tras un intenso labor explotando o seu ascendiente sobre este Goberno e coa complicidade do supervisor que non supervisou, lograría o que no mercado foi incapaz de conseguir, que un banco compre non só unha caixa, senón a todas. O que son as cousas, a profunda recesión causada por un proceso especulativo sen parangón liderado pola banca, terminará, polo menos no mercado español, coa súa principal competencia.


Se xa nos resultados dos stress test coñecidos en xullo pasado as caixas de aforros mostraron ser as máis débiles, nos próximos, ao endurecerse os seus requisitos, varias máis acabarán suspendendo as probas e converteranse no argumento servido en bandexa para xustificar a maior privatización acometida por goberno algúns na historia, a das caixas de aforros. Un timo multimillonario ao conxunto da sociedade que fará palidecer ao labor por Bernard Madoff e que nos venderán como necesario e recomendado polos mercados.


Na Galicia, unha vez máis, quedarémonos fóra de xogo. É presumible que neste proceso, pilotado desde Madrid, seguramente xa estea pactada a continuidade da Caixa e da entidade resultante da fusión das tres vascas. Os galegos, como case sempre, non pintaremos nada e porannos á altura de cántabros, murcianos ou estremeños, a pesar de achegar cuantiosos depósitos e un investimento crediticio menos contaminada pola burbulla inmobiliaria que outros territorios. Unha nova Fenosa adivíñase no horizonte e Goberno e principal partido da oposición obsequiarannos con baratijas, coma se fósemos indios precolombinos.


Cecais dentro duns anos, cando xa nos esquezamos destes feitos e como pago aos servizos prestados, Iberdrola a única eléctrica sen ex presidente do goberno no seu consello de administración, que xa estará controlada por Florentino grazas ao financiamento de Botín ou González, acolla a José Luís Rodríguez Zapatero no seu. Namentras, na Galicia, a alguén seguramente se lle ocorra concederlle a medalla de ouro, como a concedida en 2003, xusto cando as caixas superaron aos bancos en concesión de créditos, ao agora proscrito Álvarez Cascos.

Sem comentários: