2010-05-20

Crise, débedas e Burros, por Kallaikoi

Reproducimos hoxe unha das mellores e mais sinxelas explicacións das causas da actual crise...
Atopámola nun comentario realizado por Kallaikoi a un artigo de Xesus Veiga en Xornal.com

Solicitouse no meu pobo a un prestixioso asesor financeiro que explicase esta crise económica dunha forma sinxela, para que a xente do montón comprendese as súas causas. Pero o xenio perdeuse nun farragoso análise sobre bolsa, mercados finacieros, economía sostenible. De forma que non o entendeu nin Deus. Entón, o tío Santiago —antigo "chalán" ou tratante de gando nas feiras, cando estes e os compradores de mulos, burros e cabalos regateaban e vendían ou compraban en "reais"—, dirixíndose ao selecto auditorio, faloulles tal que así:

"Un señor (por así dicilo), dirixiuse a unha aldea onde nunca estivera antes e ofreceu aos seus habitantes 100 reais por cada burro que lle vendesen. Boa parte da poboación v
endeulle os seus animais. Ao día seguinte volveu e ofreceu mellor prezo, 150 reais por cada burrito, e outro tanto da poboación vendeu os seus. E a continuación ofreceu 300 reais, e o resto da xente vendeu os últimos burricáns. Ao ver que non había máis animais, ofreceu 500 reais por cada burriño, dando a entender que mercaría á semana seguinte todos os que puidesen reunir, e marchouse. Ao día seguinte mandou a un tratante (que era empregado seu) cos burros que mercou á mesma aldea para que os ofrecese a 400 reais cada un. Ante a posible ganancia á semana seguinte, todos os aldeanos mercaron aqueles burros a 400 reais; e quen non tiña os cartos, pediuno prestado.
Como era de agardar, tanto o tratante, como o señor que prometeu mercar burros a 500 reais, nunca máis apareceron pola aldea. Que, como resultado, quedou chea de burros e de endebedados.
De igual xeito, esta gran aldea que chamamos Hispanistán quedouse chea de ladrillos e de hipotecas. E tamén de burros. ¡Que nin sequera saben rebuznar!"

Sem comentários: