Inditex dispárase e supera en capitalización ao BBVA tras uns resultados mellor do esperado, convertíndose hoxe na terceira empresa do IBEX soio superada polo Banco Santander e Telefónica.
Inditex bateu as previsións do mercado e celébrao con fortes avances en bolsa. O imperio téxtil galego de Amancio Ortega rexistrou no primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2010/11 un beneficio atribuíble de 301 millóns de euros, un aumento do 63% sobre o mesmo período do ano anterior, dixo a empresa o mércores. Os analistas consultados por Reuters esperaban de media un incremento do beneficio neto do 40,8% ata 259 millóns de euros.
A compañía reaccionou con fortes subidas en bolsa ao dato. As súas accións disparábanse cerca do 6% na apertura ata 46,42 euros. Esta forte subida permite á compañía superar en capitalización a BBVA ao rozar un valor de mercado de 28.800 millóns de euros, uns 600 millóns máis que a entidade que preside o galego Francisco González. Ademais, tamén excede en capitalización a outros dous dos pesos pesados do mercado español: Iberdrola, con máis de 26.300 millóns de euros e Repsol YPF, con máis de 19.600 millóns.
O xigante da moda indica que as vendas subiron no primeiro trimestre (febreiro-abril de 2010) un 14% a 2.665 millóns de euros, en liña coas previsións dos analistas (2.628 millóns de euros). Respecto ao comezo do segundo trimestre, dixo que as vendas en tenda a tipo de cambio constante entre o 1 de febreiro e o 7 de xuño aumentaron un 13%.
O beneficio bruto de explotación de Inditex foi de 560 millóns de euros, o que supón un repunte do 42% respecto ao mesmo período do exercicio anterior, en tanto que o beneficio neto de explotación medrou un 63%, ata os 405 millóns de euros.
A marxe bruta, pola súa banda, aumentou un 20% ata ata 1.598 millóns, situándose no 59,9% das vendas (56,9% no 1 trimestre do 2009), grazas á xestión da cadea de subministración, o uso do aprovisionamento en proximidade para responder ao crecemento das vendas e ao impacto positivo da divísa.
Por outra banda, Inditex indicou nunha presentación a analistas que ten previsto investir uns 570 millóns de euros no 2010. No primeiro trimestre do seu ano fiscal a rede de tendas de Inditex aumentou en 98 establecementos ata un total de 4.705 locais. Inditex dixo que o 95% das aperturas previstas para este ano farase nos mercados internacionais.
Sem comentários:
Enviar um comentário